A creatividade, a innovación e a versatilidade da Castaña de Galicia protagonizaron a final do certame gastronómico celebrada na aula de Cociña Porto-Muiños, onde se recoñeceron as mellores elaboracións nas categorías de receitas salgadas, doces e estudantes de hostalería. A Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Castaña de Galicia fixo entrega dos premios do concurso «Cociña con Castaña de Galicia», un certame que ten como obxectivo fomentar o uso gastronómico deste produto de calidade diferenciada e poñer en valor a súa versatilidade na cociña, tanto tradicional como de vangarda. A final do concurso celebrouse o 30 de xullo 2.026 na aula de Cociña Porto-Muiños, en Cambre (A Coruña), onde os seis finalistas seleccionados defenderon as súas propostas culinarias ante un xurado formado por profesionais de recoñecido prestixio do ámbito da hostalería, representantes da IXP Castaña de Galicia e gañadores de anteriores edicións. Durante a xornada, os participantes elaboraron e presentaron as súas receitas, que foron avaliadas atendendo a criterios de orixinalidade, sabor, presentación e técnicas empregadas. Tras a deliberación do xurado, os premios recaeron en:
• Mellor receita salgada: Rodrigo Diaz, pola receita «Crema de castañas e cogomelos».
• Mellor receita doce: Luciana Aparecida Bernardo pola receita «Empanada doce De castañas con mazá».
• Mellor receita – Estudante de Hostalería: Joana Marinho, pola receita «Winter Ember».
O concurso «Cociña con Castaña de Galicia» reafirma o compromiso da IXP Castaña de Galicia coa promoción deste froito autóctono, impulsando novas formas de consumo e fomentando a creatividade entre profesionais, afeccionados á cociña e futuros cociñeiros. A elevada calidade das receitas finalistas volveu poñer de manifesto o enorme potencial gastronómico da Castaña de Galicia, un produto con Indicación Xeográfica Protexida que destaca pola súa calidade, sabor e estreita vinculación co territorio galego. Con iniciativas como este concurso, a IXP Castaña de Galicia continúa traballando para achegar este produto ao consumidor e favorecer a súa presenza na cociña contemporánea, contribuíndo ademais á valorización do sector produtor e do patrimonio gastronómico de Galicia.
RECETARIO: https://castanadegalicia.org/wp-content/uploads/2026/07/Recetas_Finalistas26.pdf








Comments are closed